Na última fin de semana antes da Kontxa a EuskoLabel Liga veu a Galicia, onde os nosos remeiros obtiveron un sexto e quinto posto.
XIII Bandeira Concello de Ares
A xornada do sábado tivo lugar na localidade coruñesa de Ares, cun intenso vento. A nosa embarcación saíu na boia catro da segunda quenda con Zierbena e Donostiarra, pola boia un e dúas respectivamente. Debido á baixa da Lekitarra por un positivo en COVID a boia tres quedou baleira. Nunha regata intensa, a Donostiarra fíxose coa cabeza desde o segundo longo, mentres que os nosos estiveron pelexando con Zierbena pola segunda posición. Esta loita decidiuse no último suspiro da regata, onde a nosa embarcación avantaxou aos de Bizkaia por menos de medio segundo, servindo isto para acadar o sexto posto da xeral.
XXX Bandeira Concello de Boiro
Hoxe os nosos remeiros estiveron remando na casa. Con peirao baleiro de afección e cun gran número de embarcacións presenciando a regata desde o mar, a segunda quenda presentábase idéntica á da xornada anterior. Desta volta, Zierbena foi intratable desde o comezo da regata, poñéndose en clara cabeza desde o comezo. A nosa embarcación rematou en terceira posición na quenda cun tempo de 20:11,98, o que lle serviu para acadar o quinto posto ao quedar por diante de Orio e Bermeo, que remaron na quenda de honra.
Próximas competicións
Este mércores a nosa embarcación feminina estará na Bahía da Kontxa intentando facerse cunha das prazas para remar a final de dita bandeira. Do mesmo xeito, o xoves a nosa embarcación masculina buscará a clasificación para disputar a chamada “olimpiada do Remo”.