Esta fin de semana o equipo ACT desprazouse por primeira vez no ano ata Euskadi para seguir coa EuskoLabel Liga. O noso equipo segue en liña ascendente e mellorando as sensacións cada xornada.
O sábado disputouse na Baía da Concha VIII Bandera CaixaBank, remando o Cabo na segunda tanta con Zierbena, Hondarribia e Ondarroa como rivais. A pesar de presentarse como unha quenda moi complicada, o noso equipo soubo manter o ritmo no primeiro longo e coller vantaxe sobre os competidores no segundo, mantendo esta ata a fin da regata. Esta vitoria na quenda serviu para acadar o quinto posto na clasificación xeral.
A xornada do domingo presentábase cun tempo chuvioso e cunhas condicións de campo bastante distintas ás do histórico campo de Donostia. Ademais do cambio de campo, o equipo tamén tivo seis cambios, incluíndo o patrón por Manuel Triñanes, a marca estribor por Luís Piñeiro ou o quinto estribor de Marco A. Silva polo seu fillo Iker Silva. O equipo volveu remar na segunda quenda, pero desta vez rematando terceira nesta, servíndolle isto para acadar o sétimo posto, a menos dun segundo da Lekittarra, sexta.
Con estes dous resultados, a nosa embarcación ACT sitúase sétima na clasificación xeral, afianzando deste xeito a súa posición na metade da táboa e afastándose dos postos de descenso.
PRÓXIMAS COMPETICIÓNS
Esta semana, ademais das dúas regatas da EuskoLabel Liga en Getxo e Orio, terán comezo tamén a LGT-A e a Liga Galicia Calidade, as dúas no noso concello. O sábado disputaranse a VI Bandeira Marina Cabo de Cruz – Concello de Boiro e a I Bandeira Rianxeira Feminina. A nosa tripulación feminina tamén estará o domingo en Redondela disputando a V Bandeira Concello de Redondela Feminina.