Onte as augas de Meira foron testemuña do aprazado Campionato de España de Bateis 2020. Cunhas boas condicións para a práctica do remo, a xornada comezou coas finais B, para posteriormente dar paso ao xogo polas medallas.
A nosa tripulación infantil feminina, tras rematar en terceira posición nunha axustadísima final no Campionato Galego, foron quen de impoñerse ás súas rivais e facerse esta vez coa primeira posición. O equipo integrado por Lucía, Julia, Andrea, Naia e Estela rematou cun crono de 5.27.37, cinco décimas mellor que a segunda clasificada. Esta é ademais a primeira vitória para o club nesta categoría, collendo o relevo do histórico equipo feminino de Cabo que tantos éxitos colleitou entre o 2002 e 2006.
A nosa embarcación infantil masculina tamén estivo presente na final do campionato de onte. Hector, Jorge, Cesar, Manu e Manuel finalizaron na cuarta posición, proclamándose a embarcación de Chapela campioa en dita categoría.
Ademais, o noso club estivo tamén representado nas categorías cadete feminina e masculina. Estas, estiveron remando nas finais B ao non conseguir a clasificación para a final. A tripulación cadete feminina rematou cuarta na súa quenda, mentres que a masculina finalizou en segunda posición.