A nosa tripulación que compite na EuskoLabel Liga acadou dous 9º postos nas dúas primeiras xornadas do verán. O equipo mostrouse satisfeito cos resultados en vista do alto nivel que se alvisca para a presente tempada.
O escenario escollido para o comezo da tempada foi a Ría de Bilbo. Este é coñecido como un dos campos cunhas condicións máis duras para a práctica do remo, sen ser un indicador fiable do potencial real das embarcacións. Con todo, o noso equipo rematou o percorrido nun tempo de 20:14,70 que lle valeu para ober o 9º posto, a 4 segundos de Kaiku, 8º.
Na xornada do domingo en Zierbena as condicións foron ben distintas. Un campo en mar aberto e un día sen apenas vento nin ondas, presentándose este como un escenario propicio para obter un mellor resultado. A pesar de gañaren a súa tanda sen complicacións, non foron capaces de adiantar a ningunha embarcación das outras tantas. Os remeiros mostráronse de tódolos xeitos satisfeitos coas sensacións da embarcación e a progresión positiva respecto ao día anterior.
O Debut
O inicio desta tempada tamén estivo marcado polo debut de varios remeiros canteiráns na máxima categoría do remo de banco fixo. Brais Pedrouzo e Carlos Cortés fixérono na regata do sábado, e os irmáns Joaquín e Daniel Abuín, fixeron o propio o domingo.
Con isto, tamén cabe destacar a reincorporación dos remeiros Javier Sayáns e Luis Piñeiro e o patrón Martín Leborán. Tras levar varias tempadas sen remar na máxima cateogría reincorporáronse este ano ao noso club para volver remar na ACT.