O Memorial Lagar é unha cita case ineludible en cada pretempada, celebrándose xeralmente a fin de semana anterior ao Nadal. Porén, este ano tivo que ser posposta por mor dun temporal ata finais de xaneiro.
Con todo, as nosas embarcacións foron quen de traer as bandeiras en disputa para a casa. Nunha regata disputada en modalidade contrareloxo, sen grandes incidencias e con vento oeste, as primeiras en saír foron as embarcacións femininas.
As nosas remeiras chegaban á liña de meta avantaxando en pouco máis dun minuto á segunda clasificada. No que respecta á categoría masculina, as nosas embarcacións saían en sétima e última posición. A nosa primeira embarcación conseguiu a vitoria, mentres que a segunda embarcación finalizou en cuarto posto, a tres segundos de Tirán e Mecos, terceiros e segundos respectivamente.
Tras esta aprazada cita, a seguinte no almanaque é a nosa XVIII Contrareloxo, que terá lugar o domingo 2 de febreiro no peirao de Cabo da Cruz.
OS BATEIS DÉRONSE CITA NA POBRA DO CARAMIÑAL
Ademais da contrareloxo de traiñeiras, os bateis tamén tiveron unha xornada de competición. Os clubs de Muros, Pobra, Rianxo e Cabo estiveron remando en augas da Pobra nas categorías alevín, infantil, cadete e xuvenil.
O noso club acadou o primeiro posto nas categorías alevín, infantil e cadete feminino, mentres que as categorías alevín, cadete e xuvenil masculino acadaron o podio.