¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.

   Saber máis - Aceptar.

HISTORIA DO CRCC

 
 
 

O CRCC fúndase o 7 de Outubro de 1979, momento no que se inicia a construción do que posteriormente sería a súa sede social. É durante a tempada 79-80 cando o club se inicia no mundo da competición e durante dez anos será un dos referentes do remo galego tanto en Galicia como a nivel nacional, a través dos campionatos de España nos que participa. En Galicia, dende os seus inicios, ten o mérito de ser o mellor club da zona territorial norte da Federación Galega de remo, mentres que a nivel nacional conta con nove participacións noutros tantos campionatos de España de traiñeiras nos que sempre se clasificou entre os sete primeiros excepto en 1989 que conseguiu o cuarto posto.

Durante os seus primeiros anos de vida, a traiñeira é a embarcación por excelencia á que o club dedica todos os seus esforzos. O club asiste ao nacemento de moitas das actuais probas do calendario oficial de remo, tales como: a Bandeira Conde de Fenosa, a Bandeira Deputación da Coruña, a Bandeira do Corte Inglés, a Bandeira Xunta de Galicia ou a Bandeira Teresa Herrera, nalgunha das cales consegue inscribir o seu nome entre os gañadores. A partir de 1990 o club sofre a súa primeira crise de remeiros xa que o nivel de competición que se empeza a dar tanto no remo galego como no nacional esixe un maior sacrificio por parte dos remeiros e un adestramento máis serio, planificado e da man de adestradores que coñezan ben as peculiaridades deste deporte.

Doutra banda, a dependencia económica de institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial ou o Concello non permite ao club conseguir medios suficientes para afrontar a renovación das embarcacións: novas traiñeiras van aparecendo no mercado, embarcacións cada vez máis competitivas que evolucionan desde a madeira ao poliéster, pasando por fibras mixtas ata chegar ás actuais embarcacións de carbono. Esta falta de axudas unida á imposibilidade de atopar na comarca un patrocinador que axude a sufragar os gastos que xera ter unhas instalacións propias, xunto coa dependencia económica dos premios conseguidos cada tempada traen consigo unha nova crise que no ano 1992 obriga ao club a permanecer pechado toda a tempada.

 

Por algún motivo no se a completado la carga de la galeria, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

A finais de 1993 prodúcese un cambio na directiva da entidade, poñéndose á fronte do club os remeiros de máis antigüidade. Estes fan por primeira vez na historia do club unha formulación seria do fomento da canteira a través dun convenio subscrito co Concello de Boiro,  que máis tarde dará lugar á Escola Municipal de Remo. Prepárase un proxecto de adecuación e mellora das instalacións, prográmase a renovación das embarcacións para adaptarse ás necesidades da competición e trabállase para diversificar as actividades do club coa intención de ofertar aos mozos outro tipo de actividades complementaria ao remo. Os resultados deste proxecto están a dar os seus froitos desde o ano 1998, e tanto nas categorías infantil como cadete e xuvenil masculina e feminina, o club de remo Cabo da Cruz estivo representando a Galicia nos distintos campionatos de España que se celebraron obtendo en bateis e traiñeiriñas numerosas medallas. Algúns dos remeiros do CRCC formaron parte do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde se practica remo olímpico, chegando ó máis alto en campionatos de España, e mesmo a representar ao equipo nacional en varios campionatos do mundo xuvenil.

O 2003 vai pasar á historia do CRCC e á historia do remo en banco fixo, porque é no devandito ano cando se constitúe a ACT (Asociación de Clubs de Traiñeiras) da cal Cabo da Cruz é socio fundador. O club mantívose na máxima categoría desde a súa creación en 2003 ata o 2008. Durante este periplo, o seu mellor resultado chegou en 2004 onde logrou a bandeira de Hondarribia. No que á clasificación xeral se refire, o seu mellor posto foi en 2006, cando ocupou a quinta praza. En 2008, tras ser novenos, desde o club decidiuse non continuar na liga por razóns deportivas, pero tres anos máis tarde pelexaron no playoff por recuperar o seu posto.

2013 foi outro ano histórico por varios motivos para o club, posto que por primeira vez na historia un club galego lograría sacar dúas traiñeiras masculinas á auga, froito do intenso traballo de canteira que o club leva a cabo. Ambas competirían na liga Galega de Traíñas (LGT), unha na LGT-B e outra na liga LGT-A. Esta última, en augas de Portugalete tras unha tempada para o recordo certificaría o ascenso á liga San Miguel (ACT), tras un axustadísimo playoff. No seu regreso á máxima categoría, conseguiría en 2014 ser o equipo revelación da tempada e levar a cuarta posición na clasificación da liga San Miguel (ACT), mellor clasificación na liga ata a data.

Na actualidade e rematada a tempada 2018, o club segue competindo co seu primeiro equipo na liga Euskolabel (ACT), onde catorce anos despois e no mesmo escenario que no 2004, Hondarribia, volveu a conseguir gañar unha bandeira da liga ACT. Así tamén, o equipo que compite na liga LGT conseguiu o ascenso á primeira división do remo galego, volvendo así a escribir novas páxinas de historia para o club e o remo galego.