Foi no ano 1979 cando un grupo de mariñeiros fundou o Club de Remo Cabo da Cruz (CRCC) capitaneados por Arturo Romero “O Foca”, este pasaría a ser o primeiro presidente do club.
Cunha filosofía baseada en valores tan importantes como o esforzo e o compromiso, e pensando en desenvolver unha actividade complementaria ao duro traballo no mar, construíron un equipo competitivo sen deixar nunca de loitar cun ideal de superación constante.
Hoxe en día, case 40 anos despois séguense transmitindo valores acordes coa sociedade actual, co obxectivo claro de formar individuos que sumen e axuden a mellorar a sociedade, baseando a súa formación nos valores propios da actividade deportiva e no noso caso utilizando como deporte base o remo en banco fixo.
Falar de Boiro, ou máis concretamente de Cabo de Cruz é falar de remo. Un pobo que vive e sente o remo como propio, levando este deporte no seu ADN. Son numerosos os veciños que axudan desinteresadamente ao correcto funcionamento desta entidade, así como na organización dos diversos eventos ou competicións que se desenvolven no club.
Este sentimento levou a que nos últimos anos se incrementase notablemente a masa social ao redor do club e os seus equipos, formando así unha “MAREA VERMELLA” de afeccionados que se desprazan alá onde vaian os equipos, ou enchendo os establecementos hostaleiros da zona, e pegados á TV animar os seus remeiros e remeiras.
Unhas das nosas maiores preocupacións é a formación dos novos deportistas e futuros remeiros e remeiras do club, contando actualmente con 80 nenos e nenas nas categorías base. Para a súa formación contamos con cinco profesionais, dous deles titulados en CCAFeD, e outros tres monitores deportivos.
Daniel Vázquez Dieste
Presidente do Club de Remo Cabo de Cruz